De Mina a Lago

Historia da mina

A mina de lignito das Pontes foi descuberta oficialmente en 1790 por José Cornide, a pesar de que era coñecida a súa existencia entre a poboación local. En 1835 o enxeñeiro de minas Gillermo Schulz analiza as posibilidades que o xacemento podía achegar ao país, e a comezos do século XX, inténtase explotar no camiño que une As Pontes con Ribadeume. Non obstante, o transporte facíase con animais e había pouca demanda, co que non foi rendible e se pospuxo a súa explotación ata os anos 40. Nesa década, a Empresa Nacional Calvo Sotelo aproba o Plan de Actuación para a Explotación de Lignitos da Mina das Pontes e en 1946 comeza a súa actividade. Nos anos 70, a propiedade da mina das Pontes pasou a Endesa ata o peche final en 2007.

Explotación da mina por parte de ENCASO

A explotación da mina comeza na década dos 40, momento no que España vivía unha época de autarquía franquista, cunha gran necesidade de auto abastecemento de enerxía nun momento no que o petróleo escaseaba (crise do petróleo nos anos 40). Por iso, a solución que se adoptou foi potenciar os combustibles alternativos e o carbón nacional. Neste contexto ENCASO prepara a explotación en 1946, sendo conscientes das limitacións tecnolóxicas da época, que facían máis laborioso o proceso de explotación. A mina naquel ano estaba formada por unha cota circular no Campo Oeste, e obtivéronse 7.707 toneladas de lignito. Cando a empresa inaugura a Central Térmica de 32 MW en 1949 optan por ter un tren para transportar o carbón ata a central e o material estéril á entulleira, e non é ata 1955 cando entra en funcionamento a primeira rotopala, unha das primeiras empregadas en España.

Explotación da mina por parte de ENDESA

Nos anos 70 a situación económica, política e social do país cambia totalmente con respecto aos anos 40. O Instituto Nacional de Industria (INI) reestrutura ENCASO, e por aprobación do Consello de Ministros en 1972 intégrase a ENDESA na explotación das Pontes. É nese momento no que ENDESA se converte nunha industria mineira.

Segundo ENDESA, nas Pontes quixeron facer unha explotación modélica, e a mina foi o seu maior proxecto de enxeñaría acometido. Así, a mina das Pontes, con 15 km² de superficie, foi a máis grande do territorio español a ceo aberto. Abasteceu á central térmica con 260 millóns de toneladas de lignito para producir máis de 190.000 GWh de enerxía eléctrica. Non obstante, o alto contido en xofre do lignito pontés obrigou a mesturar o carbón importado ata que os novos estándares ambientais supuxeron o peche da mina, xa que o combustible local os superaba.

O método de extracción empregado foi o chamado método alemán, un sistema continuo de explotación. O material era extraído por rotopalas (escavadoras de rodete ou roda) que o depositaban nunhas fitas. Estas transportaban o material ao nó de transferencia, lugar no que se distribuía o lignito á central e o material estéril á entulleira, depositado por amoreadoras.

Dende o seu peche en 2007, levouse a cabo un proceso de rehabilitación, optando polo enchido con auga do oco mineiro, xerando así un dos lagos artificiais máis grandes de Europa.

A Entulleira

A entulleira exterior da mina Das pontes, cunha extensión de 12 quilómetros cadrados, é o maior depósito artificial de terras e a maior área restaurada da minaría en España.

Durante a explotación da mina (mediados dos 70 ata finais do 2007), Endesa tivo que construír un depósito para o material estéril, no que se depositaron case 700 millóns de metros cúbicos durante a súa actividade na mina.

A partir de 1985 xorde a preocupación por unha rehabilitación integrada da área e foi a partir de entón cando se comezaron a realizar ata 6.000 análises físico-químicos de terra e auga, co fin de lograr unha rehabilitación na que estivesen presentes aspectos tales como movementos de terra, infraestruturas, implantación de vexetación… O obxectivo da restauración, finalizada no 2006, era dar unha solución económica, social e ambiental ao peche da mina e crear así un ecosistema.

A día de hoxe, a entulleira é un ecosistema en permanente transformación, onde coexisten zonas de pasteiros, de arboredos, de matogueiras e brañas. Encóntrase dividida en dúas zonas diferenciadas: a zona este, máis próxima á mina e a oeste, de maior extensión, que alcanza ata 160 metros de altura.

A entulleira exterior converteuse nun hábitat de gran valor ambiental, con máis de 180 especies distintas de animais, froito dunha colonización espontánea e 600.000 árbores, que actualmente conforma unha parte definitoria da paisaxe das Pontes e intégrase no ámbito natural tradicional dos montes galegos.

O Lago

A solución adoptada para a rehabilitación do oco mineiro, producido tras a explotación da mina durante case 70 anos nas Pontes, foi a formación dun lago e dúas illas na súa superficie. Esta solución era a máis viable para rehabilitar a zona afectada pola explotación mineira, xa que debido á gran profundidade do oco, a súa situación e a elevada pluviosidade da zona, tarde ou cedo, se produciría a inundación. Reuníanse polo tanto todas as características xeográficas e xeolóxicas para a súa creación. A baixa permeabilidade dos materiais da explotación impedía a filtración da auga a outros acuíferos e a proximidade do río Eume permitiu realizar o enchido do xeito máis efectivo.

O proceso de inundación iniciouse en xaneiro de 2008 e finalizou en abril de 2012. A calidade da auga dependía de varios factores, como o tempo de enchedura e as reaccións químicas. Dado que o principal problema era a posible acidificación das augas, para evitalo, tomáronse múltiples medidas, entre outras, cubrir o fondo cunha capa de arxila duns 70 centímetros que evitaron que a auga entrase en contacto co carbón.

Neste momento, o Lago, recibe continuamente as achegas dos ríos Illade, Meidelo e Maciñeira, as procedentes dos regueiros Uz e Chao, as augas de escorrentía da entulleira exterior e as precipitacións que caen sobre este. Conta con dúas illas ideadas para facilitar a implantación da flora e a fauna no ámbito e dispón tamén dunha praia na zona máis próxima ao pobo, cunha anchura de 38 metros e unha lonxitude de 430 metros.

Hoxe en día, o lago, propiedade de Endesa, segue sendo considerado oficialmente como un espazo mineiro e é unha das iconas da localidade, permite a realización de múltiples actividades que dotan Ás pontes dunha carismática personalidade, a cabalo entre a natureza e a industria.

Fotos extraídas de: Aréchaga, F., Ferrero, T., Gil, A., Menéndez, J., Valle, R (2001): Riqueza restaurada. Historia de la mina de As Pontes. Endesa