As Pontes Experiencia Industrial


As Pontes é na actualidade un dos focos industriais máis importantes de Galicia, contando cun patrimonio industrial único polas súas características. A central térmica de Endesa, o Poboado das Veigas ou a reconversión da maior mina de lignito a ceo aberto de España nun gran Lago artificial, son algunhas das pezas que o compoñen. Non cabe dúbida que unha parte do pasado, e aínda do presente do territorio pontés, está intimamente ligado á historia da industria mineira e á época de esplendor industrial.

Toda esa herdanza debe ser preservada para garantir o seu coñecemento e desfrute polas xeracións futuras, e o turismo pode actuar como un instrumento rexenerador deste patrimonio, tanto material coma inmaterial.

Así pois, xorde "As Pontes Experiencia Industrial", co fin de dar a coñecer o patrimonio local, vinculado á industria do municipio e relacionado profundamente co traballo, que representa un dos trazos que máis caracterizaron a nosa historia e, ao mesmo tempo achegar as empresas asentadas nas pontes ao público que así o desexe.

"As Pontes Experiencia Industrial"

É un proxecto impulsado pola Concellería de Industria, Promoción Económica, Desenvolvemento Industrial, Comercio e Hostalaría, xunto co Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC). Nace co propósito de asentar as bases para a creación e posta en marcha dun produto de turismo industrial innovador, apoiado nas principais iniciativas industriais e no patrimonio histórico industrial das Pontes.

Esta iniciativa conta actualmente coa colaboración de dez empresas de diferentes sectores asentadas na vila: Delagro e Xalareira (agroganadería); Delicias Coruña (alimentación); Biomasa (biocombustibles); Einsa Print (industria gráfica); Adera e Intasa - Galparquet (madeira); e Pomesa, Prometal e Grupo Acebrón (metal).

A oportunidade única de realizar visitas guiadas

Co fin de desenvolver o turismo industrial e promover a sensibilización polos valores da cultura industrial pasada e presente, ofreceremos a oportunidade única de realizar visitas guiadas, así como a posibilidade de realizar rutas a pé, en bicicleta ou vehículo de motor, sen necesidade de guía presencial. Internarte no territorio pontés, permitirache coñecer de preto os diferentes recursos que conforman o patrimonio histórico industrial do municipio, así como as súas raíces culturais, a súa identidade, as súas orixes, a súa historia e o seu presente, pero tamén descubrir in situ as entrañas dalgunhas empresas en activo que actualmente forxan o tecido industrial.

O turismo industrial é un novo concepto de turismo cultural que engloba ocio e aprendizaxe, que che fará experimentar, aprender, descubrir e vivir unha experiencia diferente. Unha EXPERIENCIA INDUSTRIAL.