Industria Viva

As Pontes é un municipio que conta cunha gran cantidade de empresas en activo. Ademais do seu patrimonio histórico-industrial e da omnipresencia da multinacional ENDESA, as empresas localizadas nos distintos polígonos e asentamentos industriais son fundamentais para entender o pasado, presente e futuro das Pontes.

Neste sentido, o proxecto As Pontes Experiencia Industrial ofrece a todas aquelas persoas que o desexen a oportunidade de visitar as instalacións das empresas máis representativas que conforman o tecido industrial pontés. Poderán descubrir que traballos realizan, como funcionan, a tecnoloxía que utilizan, a súa historia, a súa cultura empresarial e en xeral, unha infinidade de curiosidades vinculadas ó seu día a día.

A industria viva das Pontes está formada por empresas pertencentes a unha ampla variedade de sectores: agrogandeiría, alimentación, electrónica, industria gráfica, madeira, metalurxia e biocombustibles. Entra en cada empresa, descobre cal che interesa e ponte en contacto connosco. Avisarémoste do día e a hora da visita.

Parques Empresariais

Tan só pasaron 8 anos dende que As Pontes estaba totalmente vinculada á mina de carbón. Para paliar as posibles repercusións económicas tras o peche da mina en 2007 e a súa reconversión nun gran Lago artificial, o tecido produtivo pontés diversificouse en actividades industriais e de servizos, alleos á minería.

A dispoñibilidade de chan a prezo competitivo, as modernas infraestruturas, unha nova rede de comunicacións e axudas institucionais fixeron que o municipio das Pontes se convertese nun enclave industrial estratéxico para o norte da península.

Actualmente conta cunha extensión total de máis de 1.720.000 de qm² de chan industrial, distribuídos entre dous parques industriais (Polígono industrial de Penapurreira e Polígono Industrial dos Airíos) e dous asentamentos industriais (Cruz das Cabezas e A Balsa), onde coexisten empresas dunha ampla variedade de sectores.