Espacios de Traballo

Antiguas Instalaciones de Encaso

Os primeiros anos do franquismo estiveron marcados por unha estratexia industrializadora do Estado, polo que en 1941 nace o Instituto Nacional de Industria (INI), cuxo fin era facilitar que o Estado tomase parte activa na produción de bens e servizos. Para iso elaborou o “Programa de Actividades Industriais” e a énfase inicial centrouse en tres sectores: electricidade, ferro e carbón.

Neste momento créanse tres empresas, entre elas, ENCASO. Esta fúndase en 1942 co obxectivo social de producir combustibles líquidos e lubricantes e obter o beneficio dos subproductos derivados da industria principal. Nun contexto de recursos limitados, ENCASO foi creada para fomentar a substitución das importacións petrolíferas a partir da destilación de lignitos e lousas.

No ano 1944 elaborouse un plan de actuación para Puertollano, Teruel, Cartaxena e As Pontes, que contemplaba distintas accións, aínda que algunhas non se chegaron a executar e foron substituídas por outras. Finalmente, a grandes liñas, creouse unha fábrica de fertilizantes, comezou a explotación da mina, construíuse unha Central Térmica e un poboado de traballadores, o Poboado das Veigas.

A explotación mineira de ENCASO era de pequenas dimensións e nela explotábase o lignito mediante dúas escavadoras de rodete, as primeiras deste tipo utilizadas en España. Hoxe, aínda pode verse unha das rotopalas utilizadas por ENCASO nas antigas oficinas, na zona do Tesouro. O carbón chegaba á Central Térmica por medio dun ferrocarril de vía estreita.

A Central Térmica de 32 MV estaba formada por dous grupos de 16 MV e exportaba a enerxía producida a Ferrol, Peares e Viesgo. Ás instalacións deste complexo industrial engadiuse en 1959 a fábrica de abonos nitroxenados elaborados a partir do lignito.

Máis tarde, en 1970, comézase a construción dunha fábrica de abonos orgánicos na Vilabella e en 1973 o complexo industrial de ENCASO divídese en varias empresas. No ano 1977, coa posta en marcha da nova planta de ENDESA, péchase a antiga central térmica de ENCASO, e a maioría de instalacións son demolidas.

As instalacións do complexo industrial de ENCASO caracterizábanse por ser un exemplo de arquitectura racionalista, na que os volumes externos dos edificios responden a unha xeometría cubista relacionada directamente coa orde produtiva interna, con fachadas que se abren en grandes ventás, proporcionando ao interior unha iluminación e aireación que responden a espazos agradables para o traballo e ao mesmo tempo ao perigo de explosión dos materiais.

Central Térmica ENDESA

ENDESA chega ás Pontes en 1972, por unha reorganización acometida polo INI, dentro da execución do Plan de Reestruturación da Empresa Nacional Calvo Sotelo, momento no que se fai formalmente responsable da mina.

A actual central, construída entre 1972 e 1979 seguindo as liñas mestras dos proxectos alemáns da conca do Rhin, dispón de catro grupos de produción de enerxía que xeran en total 1.400 MW. Trátase pois dunha central térmica convencional, xa que produce electricidade a partir do carbón, mediante un ciclo termodinámico de auga-vapor. É a central térmica convencional con maior produción de enerxía eléctrica de España. Sumando o grupo da central de ciclo combinado, ten unha capacidade de produción de 2318 MW.

O proceso principal que segue cada un dos grupos é o seguinte:

• Inicialmente o carbón pasa por unha estación de cribado e trituración. Grazas á súa combustión na caldeira, a auga transfórmase en vapor. Este xunto coa presión que sae da caldeira fai virar as pas dunha turbina, chega en forma de enerxía mecánica ao xerador e transfórmaa en enerxía eléctrica. Unha vez producida a enerxía eléctrica pasa aos parques de transformación onde se conecta á rede nacional. O vapor que sae da turbina remata nun condensador que o converte en auga nas torres de refrixeración.

• A combustión de carbón xera partículas prexudiciais que van parar á atmosfera, pero para iso hai unha cheminea que as dispersa e reduce a súa influencia negativa no aire. Esta cheminea, de formigón armado, con 356 metros de altura, é a máis grande de Europa e aparece recollida no Libro Guiness dos Records como a de maior volume.

A central ten tamén un parque de carbóns, que na actualidade é utilizado para a descarga do carbón de importación, principalmente chegado de Indonesia, e transportado en camións desde o Porto de Ferrol. A súa extensión ocupa aproximadamente 10 hectáreas, o que equivale a 12 campos de futbol. Destaca a súa cuberta de 30 metros de altura por estar suspendida por 16 arcos, o que permite manexar o carbón sen problema coas amoreadoras-recolledoras. Foi construída entre 1980 e 1981, polo arquitecto Juan Medina, e aparece recollida no libro de J. Sobrino Simal (1996) sobre a arquitectura industrial española.

Na mesma Central Térmica podemos atopar tamén a Planta de Tratamento de Efluentes Líquidos (TEL), creada para non verter as augas acedas da mina directamente ao Río Eume e garantir así a calidade nos efluentes.

Na actualidade, como consecuencia da aplicación da última Directiva de Emisións Industriais (DEI), ENDESA acometerá un forte investimento para aumentar a vida útil dunha das maiores produtoras de enerxía de España.

Central Ciclo Combinado ENDESA

Inaugurada en 2008 e propiedade de ENDESA, para a construción desta Central de Ciclo Combinado optouse por aproveitar algunhas das instalacións da antiga central térmica de ENCASO. Esta central presenta unha serie de vantaxes: as emisións de gases son máis baixas, precisa menos superficie construída por MW e consome menos auga na refrixeración.

Utiliza dous combustibles fósiles, o gas natural e o gasóleo, aínda que este último só en situacións de emerxencia e combina dous tipos de turbinas: dous de gas e unha de vapor. A central aliméntase do gas natural que lle proporciona plántaa regasificadora de Reganosa en Mugardos, a través dun gasoduto subterráneo de 30 quilómetros que as enlaza.

O seu funcionamento é o seguinte:

O gas é filtrado para que se adapte ás necesidades específicas necesarias, para posteriormente entrar nas cámaras de combustión onde se mestura con aire a presión. A calor da combustión converte a auga en vapor e fai virar as pas da turbina de vapor, transformando a enerxía mecánica en eléctrica pola acción do campo magnético producido no seu interior. Os gases de combustión saen da turbina de gas e diríxense á caldeira de recuperación de calor, onde a auga transfórmase en vapor, que fai mover a turbina de vapor e esta transforma a enerxía térmica en enerxía mecánica facendo virar o seu propio xerador. A auga arrefríase na torre de refrixeración.

Encoros e Centrais Hidroeléctricas

A principios do século XX iníciase nas Pontes o proceso de explotación do potencial enerxético do Río Eume coa instalación no seu curso das primeiras minicentrais hidroeléctricas, moitas delas descoñecidas pola súa baixa produtividade e por non estar legalizadas. A súa fácil e económica instalación animou mesmo á recuperación de muíños infrautilizados para transformalos en provedores de enerxía eléctrica.

Así pois, entre 1906 e 1908, a empresa Prieto e Compañía instala unha minicentral sobre un vello muíño, o que supuxo o primeiro centro de subministro de enerxía nas Pontes, que coas súas 30 KW de potencia proporcionaba enerxía na localidade. É coñecido polo nome de “Muíño Novo”, “Muíño de Prieto” ou “Fábrica da Luz”.

Xa en 1941 constrúese o Muíño da Ribeira, dedicado á moenda, que contaba cunha pequena central eléctrica da que se abastecía para o seu funcionamento. Anos máis tarde, por mor da construción da Presa da Ribeira (1957) abandona o seu funcionamento .

Entre os anos 1950 e 1965, momento no que se produce en España unha masiva construción de encoros de titularidade do Estado, e constrúense nas Pontes o Encoro do Eume e o Encoro da Ribeira.

O Encoro do Eume (1955), obra do enxeñeiro de camiños Luciano Yordi de Carraparte, foi inaugurado en 1960 coa visita do ditador Francisco Franco. Destaca o deseño, pois foi pioneiro na enxeñería de España, sendo a primeira presa do tipo bóveda-cúpula que se construíu, conseguindo tanto a contención das augas como a estabilidade do muro. A súa central hidroeléctrica atópase 3 quilómetros río abaixo.

O Encoro da Ribeira, construído entre 1957 e 1963, foi deseñado co obxectivo de regular o río Eume para garantir un caudal de auga constante ao complexo industrial de ENCASO, o que ao mesmo tempo evitou as continuas inundacións na vila. Construíuse tamén unha central hidroeléctrica, permitindo así a produción de enerxía.

Parques Eólicos

A vinculación das Pontes coa enerxía e a electricidade maniféstase tamén no aproveitamento enerxético doutros recursos naturais dispoñibles no territorio, como o vento.

As Pontes conta con cinco parques eólicos. O primeiro en construírse foi o de San Xoán en 1999, con 48 aeroxeradores; no 2002 é cando se construíron o de O Caxado e o da Faladoira, ambos con 37, e o de Coto Teixido, con 35 aeroxeradores; o último en incorporarse, A Carballeira, fíxoo no ano 2004 con 37 aeroxeradores.

Que son os parques eólicos?

Os parques eólicos son centrais eléctricas que producen enerxía a partir do movemento que o vento provoca nos aeroxeradores. Para que se xere a enerxía eléctrica é necesario que o vento sopre a unha velocidade de entre 10 e 90 quilómetros por hora.