As Vivendas

Poboado das Veigas. Anos 40-60

Construído en catro etapas desde 1946 ata 1962 a cargo da Empresa Nacional Calvo Sotelo de Combustibles Líquidos e Lubricantes (ENCASO), o Poboado das Veigas, xorde como parte dun proxecto denominado “Plano Xeral. Poboado e zona de fábrica”, deseñado polo arquitecto Javier G. Lombas.

Deu solución aos problemas de vivenda xurdidos coa chegada dos traballadores da mina e da central. Supuxo que o traballo e a vida privada se fixeran inseparables, reproducindo as xerarquías, xa que había diferenzas notables entre as vivendas da zona de enxeñeiros, a de empregados e a de obreiros.

Cunha superficie de máis de 27 hectáreas, 230 vivendas e con capacidade para ata 1.500 habitantes, o Poboado das Veigas é un dos exemplos simbólicos de arquitectura da comarca, que destaca polo seu valor como unha das primeiras cidades planificadas de Galicia acorde ao modelo de cidade xardín, cun espazo central libre, en torno ao que se atopan unha serie de edificios e servizos de carácter público, como a escola ou a capela. Pódese dicir que este poboado responde o modelo das construcións industriais e mineiras do século XIX de Reino Unido, Francia e Alemaña.

Nace como unha construción exemplarizante propagandística froito do paternalismo industrial do primeiro franquismo, caracterizado pola autarquía e a autosuficiencia. Desta maneira, ademais de dar vivenda aos traballadores, o poboado ofrecía unha infinidade de servizos: economato, escolas (que foron o lugar de formación dos aprendices), clínica-hospitalillo, capela e instalacións deportivas e de lecer, como o campo de fútbol e o centro Lar. Precisamente o centro Lar foi todo un referente social na época. Contaba con cafetería, piscina, comedor, cociña, biblioteca, sala de xogos, etc.

Hoxe en día, as instalacións transformaron algúns dos seus usos e o Poboado das Veigas atópase pendente dunha normativa específica de protección, desenvolvemento e posta en valor. É un dos puntos de atracción máis curiosos das Pontes, polo que se fai indispensable a súa visita.

Poboados de O Barreiro, A Magdalena, O Muíño/Anguieiro e A Fraga. Anos 70

Entre os anos 1970 e 1976, ENDESA decide construír catro novos poboados de traballadores co fin de cubrir as necesidades de aloxamento da gran cantidade de traballadores que se trasladaron para exercer como man de obra na explotación da mina de carbón e a Central Térmica das Pontes. De feito, entre as décadas de 1970 e 1980 chegaron ao municipio máis de 5.000 persoas.

Para iso, ENDESA acometeu a construción dos poboados da Fraga (200 vivendas), O Barreiro (232 vivendas), A Magdalena (248 vivendas) e O Muíño (48 vivendas), nos que as vivendas foron cedidas en réxime de aluguer.

Estas edificacións, con orixe na cultura arquitectónica europea do primeiro terzo do século XX, como as Sieldungen alemás ou os Höfe de Viena, estaban distribuídas en series lineais formando agrupacións e dispoñían de espazos entre bloques de carácter público, formando prazas, áreas de xogos para nenos, pistas deportivas, áreas axardinadas e espazos verdes. A diferenza do Poboado das Veigas, nestes poboados os servizos sociais, culturais e deportivos eran resoltos pola Administración Pública.

Poboados da Obra Sindical del Hogar (OSH). Anos 50

Os Poboados Calvo Sotelo (1954) e Santa Bárbara (1955), impulsados pola Obra Sindical del Hogar (organismo promotor e construtor da Falanxe durante a ditadura franquista), foron os primeiros exemplos de Bloque Lineal introducidos na paisaxe urbana das Pontes.

O modelo seguido para a súa construción consistía nun módulo-base de bloque lineal de tres plantas de altura, que se repite en series lineais de tres e catro módulos, respectivamente. O aspecto máis singular era a súa disposición de forma perimetral na parcela, que formaba un patio interior utilizado como espazo libre de uso común. As vivendas, de pequenas dimensións, típicas da cultura do Existenzenminimun (mínimo vital), contaban cunha superficie de 40 m2.

O tipo de edificación destes poboados remóntase á cultura arquitectónica europea do primeiro terzo do século XX, das grandes experiencias de promoción de vivenda pública das Siedlungen alemás, dos Höfe de Viena e dos novos barrios e cidades soviéticas.