Emprendedores ilustres

Pensar en industria nas Pontes significa fixar a atención tamén naqueles empresarios que, nacidos no municipio, convertéronse en referencia en todo o territorio español polas súas actividades emprendedoras; cervexas, artigos para flans, cadeas de supermercados ou solucións loxísticas xeráronse nas Pontes de García Rodríguez.


Roberto Tojeiro

Nacido nas Pontes en 1928, Roberto Tojeiro comezou a súa vida laboral aos 14 anos nunha modesta tenda de ultramarinos de carácter familiar, para máis tarde pasarse ao negocio da madeira e o transporte. Máis adiante monta o primeiro almacén de distribución de alimentos ao por maior, sendo o xerme do grupo Gadisa. Gadisa nace a mediados dos anos 80, tras a fusión de varias empresas. Na actualidade cun equipo que suma 6.000 empregados, é líder no sector da alimentación do noroeste, acaparando un 25% da cota de mercado en Galicia.


José María Rivera Corral

José María Rivera Corral, fundador de Estrela Galicia, naceu en 1856 no barrio pontés do Chamoselo. Tras emigrar a México, onde rexentou un céntrico establecemento hostaleiro na cidade de Veracruz, regresa a Galicia como indiano triunfador. É en 1906 cando inicia a construción e a montaxe dunha fábrica de xeo e cervexa na Coruña, máis tarde centrada só na fabricación de cervexa e convertida actualmente nunha das grandes empresas galegas. A súa cervexa, hoxe da man da cuarta xeración, é referente entre as marcas españolas e está presente cada vez en máis lugares do mundo.


Severiano Castro

Severiano Castro tivo unha vida moi vinculada á enerxía. Aproveitando a forza motora do seu muíño, comezou a fabricar pezas de madeira que despois vendía. Os veciños que levaban un saco de cereal a moer, remataban seducidos por aquelas pezas e compraban todo tipo de enxoval de cociña e artigos de madeira. Tradición que se materializa hoxe na empresa Adera.

A Central Térmica supuxo un cambio na sociedade pontesa. A demanda de cereal aumentou e con iso optou por crear unha empresa de servizos agrícolas vixente na actualidade, Severiano Agrocomercial. A familia chegou tamén a un acordo con ENDESA para realizar os portes e mudanzas dos traballadores da central e en 1978 crean unha empresa de mudanzas. Máis adiante, na década dos 90, constitúen unha empresa especializada na xestión documental e loxística: Servizo Móvil.


José Ferro Rodeiro

José Ferro Rodeiro naceu Nas pontes en 1912. Dende neno xa tiña iniciativas empresariais, pois con tan só 7 anos dedicábase a vender auga aos veraneantes na famosa Fonte das Boliqueiras. A primeira empresa que funda, nos anos 50, tiña como produto principal un das sobremesas máis populares na España dos anos 50 e 60: o Flan Chino Mandarín.

Nese momento, adquire unha central hidroeléctrica en Muras (Lugo), da que aproveitaba a enerxía xerada para a fabricación de culleriñas de plástico e bonecos de goma que acompañaban ao flan. Máis adiante aquela pequena industria pasou á fabricación de produtos plásticos destinados á construción. En 1980, tras o seu falecemento, os herdeiros constituíron a sociedade Plásticos Ferro, S.L. para dar continuidade ao seu proxecto.